PESE A TODO ¡NOS SEGUIMOS ADIANTE!

Anagrm_PGComo único candidato —ata o día de hoxe— que opta á presidencia do Partido Galeguista no vindeiro Congreso que se tería que celebrar o próximo domingo, día 14 de xuño, e que ó parecer foi aprazado (soubemos do citado aprazamento pola publicación da noticia nun medio de comunicación. Aínda hoxe mesmo non nos consta oficialmente o cambio de data. E as persoas que entren na Web do Partido Galeguista poderán comprobar como segue colgada a convocatoria para o vindeiro domingo), e en nome dos homes e das mulleres que conforman as distintas Agrupacións Municipais do P.G. que teñen avalado publicamente a miña candidatura, e que representan o 85% da totalidade das agrupacións do partido, véxome na obriga de saír diante da opinión pública para expresar a nosa posición respecto das manifestacións feitas polo Vicepresidente do P.G., Antonio Varela, nas que anuncia a través dun medio de comunicación o aprazamento do X Congreso que se ía celebrar o próximo domingo, día 14 de xuño:

Como se pode “pretender xustificar diante da opinión pública” o aprazamento dun evento da importancia que ten para calquera formación política, como pode ser a celebración dun Congreso, argumentando que o que se pretende co citado aprazamento non é nada máis –nin nada menos— que “darlles máis garantías ás persoas que ata o día de hoxe están expedientadas (cinco, ata hoxe), para que poidan alegar o que consideren oportuno diante do Comité de Garantías do propio partido” ademais de que “resulta materialmente imposible organizalo para o domingo” e que “aínda estamos esperando as certificacións de todas as agrupacións”.

Pois ben Sr. Varela, os militantes do Partido Galeguista ós que se lles ten enviado un “panfleto” o pasado día 4 de maio, no que se lles comunica a “suspensión de militancia no Partido Galeguista a tódolos efectos, de forma cautelar, e ata que a Comisión de Garantías decida ó respecto”, xa teñen manifestado no seu día que a devandita decisión “é radicalmente nula de pleno dereito e inexistente a tódolos efectos”, decisión tomada por “catro” das “trinta e dúas persoas” que conforman a Executiva Nacional do P.G., que é denunciable por carecer non só de causa, senón por violar tódolos dereitos dun militante por canto: a) na comunicación non se indica cal é a razón da suspensión, de xeito que non se sabe por que se adopta tal medida; b) non se seguiu ningún tipo de expediente previo no que se lles comunicase o porqué de tal resolución, de xeito que estamos diante dunha actuación inquisitorial; c) non se lles deu audiencia en ningún momento para que fosen escoitados etc. E por se todos estes argumentos non fosen dabondo.., teñen transcorrido 35 días (do 4 de maio ata o 9 de xuño) e continúan exactamente igual, ninguén os chamou, e ninguén lles dixo nada ó respecto.

Por conseguinte, queda perfectamente demostrado para quen o queira ver que houbo tempo máis que dabondo para resolver os citados expedientes sen necesidade ningunha de ter chegado ata hoxe.

En canto ós demais argumentos esgrimidos polo Sr. Antonio Varela para xustificar a non celebración do Congreso… “resulta materialmente imposible organizalo para o domingo” e “aínda estamos esperando as certificacións de todas as agrupacións”.

Vexamos Sr. Varela: calquera militante de calquera formación política é consciente da gran responsabilidade e dificultade que implica a organización dun evento destas características. Non só hai que definir o contido político do Congreso, regulamento do mesmo etc., senón que tamén hai que elixir as datas, cidades e locais máis axeitados etc.; en definitiva, necesítase e requírese dunha planificación seria e rigorosa que evidentemente non a estabamos a ver por ningún lado, e isto a sabendas de que o Congreso está anunciado dende hai máis de dous meses.

¿Como se pode aprazar un Congreso anunciado hai máis de dous meses, a cinco días da súa celebración?

¿Como se pode argumentar diante da opinión pública e da militancia que o Congreso se apraza para salvagardar os dereitos dos “cinco militantes” expedientados, cando estes “catro señores” da Executiva Nacional foron os mesmos que lle deron o OK ós citados expedientes?

¿Como se pode desprezar desta maneira ós homes e mulleres das distintas Agrupacións Municipais do Partido Galeguista, que levan agardando máis de dous meses a data do citado Congreso para poder asistir ó mesmo?

Para nós, e para min, todo o que está acontecendo obedece a “unha cortina de fume” para ocultar a “única verdade” do motivo polo que se ten aprazado o X Congreso do Partido Galeguista. Vexamos:

A miña candidatura representaba o 85% da totalidade das Agrupacións Municipais do partido. Por conseguinte, é máis que evidente que, de non permitirme a presentación da miña candidatura no Congreso, se lle estaría negando a participación no mesmo á inmensa maioría das Agrupacións do partido.

Ata o día de hoxe non había ningunha outra candidatura á presidencia do Partido Galeguista, e polos datos que temos, non ía presentarse ningunha outra.

Polo tanto, é máis que evidente que, de celebrarse o Congreso o vindeiro domingo, me convertería sen dúbida ningunha no Presidente do Partido Galeguista. ¡Esta é a única verdade!

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Conectando a %s


Seguir este blogue

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.